Se a terra latexa, alguén terá que facer de médium para traducir ese latexo en son. Xosé Lois Romero & Aliboria son o proxecto indicado para trasladar o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical.
O combo galego que dirixe o prestixioso multiinstrumentista Xosé Lois Romero leva demostrándoo nos escenarios dende hai máis de 3 anos, a partir da publicación dun homónimo debut que servía como revulsivo catalizador para amosar un xeito absolutamente salvaxe e orixinal de acometer a música tradicional galega: a través de unicamente un coro de voces femeninas, e percusión tradicional, moita dela redeseñada para o proxecto, nun exercicio inédito de reinvención das ferramentas para facer música.
Agora, Xosé Lois Romero & Aliboria, tras o seu debut que os posicionou como uns dos máximos renovadores da música de raíz ibérica, e que mesmo foi deconstruído polo produtor Baiuca no seu EP “Misturas”, regresan con “Latexo” (Raso Estudio, 2020), un segundo album longo no que manteñen o pulso do tribal e o ritual á vez que resignifican os códigos da música folk galega. Tan preto da tradición galega máis crua como dos sons da África máis indixenista, o romanticismo armónico e coral da música sacra, ou mesmo esa sensación de poder que impón a “haka” dos All Blacks de Nova Zelanda.
A sonoridade de Xosé Lois Romero & Aliboria achégase ás veces ás maneiras da facción máis africana da world music, do indixenismo latinoamericano, pero tamén comparte elementos contemporáneos de iconas da música industrial como Einstürzende Neubauten o Swans, así como con armonizadores tribales como Milton Nascimento (a quen versionan no disco), ourives post-folclóricos como os cataláns Coetus ou renovadores do folclore sudamericano coma os brasileiros Barbatuques, os colombianos Canalón de Timbiquí ou os arxentinos La Bomba del Tiempo.
O latexo do corazón do universo sae á luz con Aliboria como relatores.